lunes, 14 de diciembre de 2009

Conclusión das I Xornadas "Futuro e Sustentabilidade do noso mar"



A Casa da Cultura de Corcubión acolleu o pasado sábado 12 de decembro as I Xornadas "Futuro e Sustentabilidade do noso mar", organizadas polo Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión. A entidade dos poñentes provocou a ampla espectación, e eran máis de 50 os asistentes ás xornadas.
Unhas xornadas nas que o centro de atención foi a explotación da ría corcubionesa, abrindo a posibilidade a un trato máis respetuoso por parte de todos. O Saneamento, dende unha prespectiva máis ecoloxista, foi a idea principal da sesión. Ademais o sentir das charlas partía dunha problemática máis global, para rematar na ría de Corcubión.


Presentou as charlas Xabier Calaza, voceiro do Colectivo, e foi Fins Eirexas, de ADEGA, que comezou coas ponencias. Eirexas centrouse na contaminación e no que calificou de "preocupante estado das nosas rías", facendo un chamamento e indicanto que "as rías teñen un límite". O representante de Adega afirmou que a primeira necesidade é o "cumprimento da lei", e reivindicou unha nova política real e efectiva por parte das administracións, que esixa o cumprimento das normas: "Xa rematou eso do "quen contamina paga"; a partir de agora debería ser "quen contamina, ou deixa de contaminar ou deixa de producir".
Nese sentido Eirexas falou con claridade e denunciou como a empresa de Villar Mir leva moitos anos de verteduras ilegais na ría corcubionesa. Para Adega, unha empresa pesada como a Ferroatlántica non pode estar nunca nunha zona tan sensible e rica ambientalmente como a ría de Corcubión.

Antón Fortuna, da asociación ecoloxista Verdegaia, repasou a cantidade de actuacións na Costa, centrándose nas edificacions ilegais, no plano acuícola, nos portos deportivos e na rexeneración de praias. Nesa liña, Fortuna quixo dar a responsabilidade a quen a ten, e os concellos non salvaron da queima.
Sobre o plano acuícola, Verdegaia diferencia entre o son as Macro e as micro piscifactorías. Así, indicou que non poden estar en zonas inalteradas ou hábitats naturais. Así, fixo unha referencia a Touriñán, por suposto, calificando o proxecto de "aberrante".
Sobre os portos deportivos, Fortuna indicou que os 400 millóns de euros do Plan poderían investirse en saneamento, a verdadeira lacra da ría. Tamén fixo un apunte sobre o proxecto de rexeneración da praia de Corcubión, un tema que pasou bastante desapercibido na tarde do sábado. Fortuna apuntou que a area de canteira e a maquinaria pesada afogará o marisco da zona. Ademais, vaticinou que tralo primeiro inverno, a praia desaparecerá.


Seguiu Elvira Jiménez, chegada dende Madrid como unha das responsables de Costas de Greenpeace España. Elvira ofreceu unha visión preocupoante de como o cambio climático afectará a zonas como a nosa. Un cambio climático qeu xa é unha realidade e que provoca un aumento do nivel do mar, da acidez e da temperatura das augas, que pode provocar, en primeira instancia, unha baixada da produtividade das rías. Giménez destacou a necesidade do complimento da lei, e a creación dunha nova lexislación a nivel mundial con carácter real, non como o Protocolo Kioto.



Para rematar, as seguintes ponencias cambiaban un pouco o rumbo e foi o biólogo Alberto de Coo o que falou asobre as posibilidades de evolución do marisqueo. Interesantísimos os datos de De Coo, que deixaban claro que as posibilidadades do sector marisqueiro son moi amplas. O sector precisa unha forte remodelación para sacar máis proveito á produción (só se aproveita o 15% da produción real das rías). Pero tamén debe centrarse en que os cartos redunden nos traballadores, non só nos distribuidores. "Por que o sector marisqueiro galego non exporta?", preguntouse De Coo, malia saber que resposta chega de máis alá de Europa.

Finalmente, Luis Rodríguez, secretario da propia Asoar - Armega deu as liñas polas se que pode centrar o sector da pesca de baixura no futuro. Un Luis que chegaba logo de organizar na mañá do sábado as XIII Xornadas Limpando as nosas rías, nas que recolleron máis de 12 toneladas de refugallos do fondo da ria de Corcubión. Luis aportou ideas como a creación de arrecifes artificiais, , repoboacións (pero consentido), e unha remodelación do sistema de extracción.

O Colectivo valora moi positivamente as charlas, pois foi unha visión á que non estamos tan acostumados na bisbarra. A seguinte cita do Colectivo poderá ir enfocada a unha reunión cos alcaldes da ría corcubionesa. A presencia de numerosos medios, entre eles a TVG, alegra ao Colectivo.