lunes, 14 de diciembre de 2009

Conclusión das I Xornadas "Futuro e Sustentabilidade do noso mar"



A Casa da Cultura de Corcubión acolleu o pasado sábado 12 de decembro as I Xornadas "Futuro e Sustentabilidade do noso mar", organizadas polo Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión. A entidade dos poñentes provocou a ampla espectación, e eran máis de 50 os asistentes ás xornadas.
Unhas xornadas nas que o centro de atención foi a explotación da ría corcubionesa, abrindo a posibilidade a un trato máis respetuoso por parte de todos. O Saneamento, dende unha prespectiva máis ecoloxista, foi a idea principal da sesión. Ademais o sentir das charlas partía dunha problemática máis global, para rematar na ría de Corcubión.


Presentou as charlas Xabier Calaza, voceiro do Colectivo, e foi Fins Eirexas, de ADEGA, que comezou coas ponencias. Eirexas centrouse na contaminación e no que calificou de "preocupante estado das nosas rías", facendo un chamamento e indicanto que "as rías teñen un límite". O representante de Adega afirmou que a primeira necesidade é o "cumprimento da lei", e reivindicou unha nova política real e efectiva por parte das administracións, que esixa o cumprimento das normas: "Xa rematou eso do "quen contamina paga"; a partir de agora debería ser "quen contamina, ou deixa de contaminar ou deixa de producir".
Nese sentido Eirexas falou con claridade e denunciou como a empresa de Villar Mir leva moitos anos de verteduras ilegais na ría corcubionesa. Para Adega, unha empresa pesada como a Ferroatlántica non pode estar nunca nunha zona tan sensible e rica ambientalmente como a ría de Corcubión.

Antón Fortuna, da asociación ecoloxista Verdegaia, repasou a cantidade de actuacións na Costa, centrándose nas edificacions ilegais, no plano acuícola, nos portos deportivos e na rexeneración de praias. Nesa liña, Fortuna quixo dar a responsabilidade a quen a ten, e os concellos non salvaron da queima.
Sobre o plano acuícola, Verdegaia diferencia entre o son as Macro e as micro piscifactorías. Así, indicou que non poden estar en zonas inalteradas ou hábitats naturais. Así, fixo unha referencia a Touriñán, por suposto, calificando o proxecto de "aberrante".
Sobre os portos deportivos, Fortuna indicou que os 400 millóns de euros do Plan poderían investirse en saneamento, a verdadeira lacra da ría. Tamén fixo un apunte sobre o proxecto de rexeneración da praia de Corcubión, un tema que pasou bastante desapercibido na tarde do sábado. Fortuna apuntou que a area de canteira e a maquinaria pesada afogará o marisco da zona. Ademais, vaticinou que tralo primeiro inverno, a praia desaparecerá.


Seguiu Elvira Jiménez, chegada dende Madrid como unha das responsables de Costas de Greenpeace España. Elvira ofreceu unha visión preocupoante de como o cambio climático afectará a zonas como a nosa. Un cambio climático qeu xa é unha realidade e que provoca un aumento do nivel do mar, da acidez e da temperatura das augas, que pode provocar, en primeira instancia, unha baixada da produtividade das rías. Giménez destacou a necesidade do complimento da lei, e a creación dunha nova lexislación a nivel mundial con carácter real, non como o Protocolo Kioto.



Para rematar, as seguintes ponencias cambiaban un pouco o rumbo e foi o biólogo Alberto de Coo o que falou asobre as posibilidades de evolución do marisqueo. Interesantísimos os datos de De Coo, que deixaban claro que as posibilidadades do sector marisqueiro son moi amplas. O sector precisa unha forte remodelación para sacar máis proveito á produción (só se aproveita o 15% da produción real das rías). Pero tamén debe centrarse en que os cartos redunden nos traballadores, non só nos distribuidores. "Por que o sector marisqueiro galego non exporta?", preguntouse De Coo, malia saber que resposta chega de máis alá de Europa.

Finalmente, Luis Rodríguez, secretario da propia Asoar - Armega deu as liñas polas se que pode centrar o sector da pesca de baixura no futuro. Un Luis que chegaba logo de organizar na mañá do sábado as XIII Xornadas Limpando as nosas rías, nas que recolleron máis de 12 toneladas de refugallos do fondo da ria de Corcubión. Luis aportou ideas como a creación de arrecifes artificiais, , repoboacións (pero consentido), e unha remodelación do sistema de extracción.

O Colectivo valora moi positivamente as charlas, pois foi unha visión á que non estamos tan acostumados na bisbarra. A seguinte cita do Colectivo poderá ir enfocada a unha reunión cos alcaldes da ría corcubionesa. A presencia de numerosos medios, entre eles a TVG, alegra ao Colectivo.

sábado, 26 de septiembre de 2009

O COLECTIVO EN DEFENSA DA RIA DE CORCUBIÓN RESPONDE ÁS ACUSACIÓNS DO SR. LEMA.

O alcalde de Corcubión acusa a este colectivo de mentir e falsear todo aquelo que non favorece as nosas teses, logo da reunión mantida co xefe da Demarcación de Costas, D.Rafael Eimil. Calquera das cousas manifestadas na nota de prensa na que informamos desa reunión será inmediatamente explicada se o Sr. Eimil nos di en que punto non fomos veraces.

Iso si, deberá ser o Sr. Eimil quen no-lo indique e non un ausente da reunión como o Sr. Lema que pretende falar en nome de aquel. A Don Rafael Eimil díxoselle o que ía sair na nota de prensa e o dito non varía un ápice do que nela apareceu. Invitouselle ao Sr. Eimil a que se atopaba algo na nota de prensa que non se cingise á realidade non dubidase en poñerse en contacto con nós para clarexar calquer dúbida. Contacto que non existe ata o momento.

Nesa reunión o Sr. Eimil manifestou que “evidentemente, se a maioría do pobo non a quere, non se fará” en alusión á praia artificial.

Sobre as 600 sinaturas presentadas, manifestouse que non todas elas eran de habitantes da vila. Preguntouse a turistas, xa que a actuación está encamiñada a captar este “público” e aos veciños de Cee, xa que esta obra cambiará as correntes dunha ría na que as augas tamén bañan o seu pobo. A petición de sinaturas en Cee fíxose nunha mañá.

Se temos en conta que dende o Colectivo loitamos por unha ría saneada, iso nos importa a todos os que habitamos ao carón desta ría. Sorprende que segundo o alcalde non merece a pena saber a opinión nin do pobo veciño, nin dos turistas nin daqueles que sabe que son contarios ao proxecto. É dicir, só conta a opinión dos que pensan como él.

Coa recollida de sinaturas conseguimos coñecer se había oposición ao proxecto, cal era a súa magnitude e informar aos veciños, unha función ésta na que tivemos que facer o traballo que correspondería a unhas autoridades que xestionaron este proxecto de xeito case clandestino e escuro.

Hai que destacar que o Sr.Lema manifesta que temos máis de 600 sinaturas “sobre 1864 habitantes”, desprezando así aos que teñen asinado, algúns deles votantes seus. Pero causa estupor facer cálculos así de simples e sen matices, xa que cabe lembrar que o Sr. Lema é alcalde co apoio de 559 sobre eses 1864 veciños posibles, 12 persoas máis que a seguinte forza e polo tanto o partido máis votado e razón pola que é alcalde.

Dende o Colectivo sempre manifestamos que se a maioría do veciños desexaba este proxecto, nos sí respetaríamos a vontade popular. Por iso, para coñecer a súa opinión nada mellor ca un referendo onde se poida expresar libremente a opinión. Libremente, en segredo e sen coaccións. Pregunta o alcalde que “cal sería a porcentaxe válida nesa consulta”. Pois a que a lóxica e as regras democráticas indican: cálculo sobre o total dos que participaran e maioría sobre ese total. Así de simple.

Sabemos que a postura do alcade é a mesma ca da Demarcación de Costas, sabemos que os datos do estudo de impacto ambiental, a granulometría e outros datos técnicos figuran no informe. A nosa postura ante isto foi sempre a mesma, a de considerar que o estudo non é completo e que non considera certos factores fundamentais que foron analizados por parte de xente co perfil técnico axeitado para facer estes análises. E con todo isto informamos á xente e invitamos a que dende Costas se enviase a un técnico para clarexar eses puntos, o Sr. Eimil manifestou que se o Concello fai un acto informativo porá á súa disposición ese técnico.

O problema de todo isto é que o proxecto é como é e non caben adopcións parciais do mesmo, ou esto ou nada, xa que calquer modificación sustancial do mesmo esixe facer de novo todo o proceso. Ante isto, sen ter un compromiso claro por parte do Sr. Eimil, non se pecharon as portas a que se non saise adiante non se poidese facer algo no futuro.

Gustaríanos que en vindeiras ocasións se nos tratase tal e como estamos a tratar nos aos nosos interlocutores. Tivemos a man tendida dende o comenzo para apoiar ao alcalde na procura de investimentos que melloren o sanemento e centramos o debate en argumentos, mantemos reunións abertas semanalmente, etc. Por iso non é de recibo que se nos responda con falsas acusacións e simplezas coma presuntas vinculacións políticas, fuxindo así do debate de fondo. Estamos agardando a que alguén desminta punto por punto os motivos polos que NON queremos esa praia artificial.

Como ben lle dixemos na reunión que tivemos con Chisco, dende o Colectivo apoiaremos calquer acción que se leve a cabo pola súa parte para que se fagan inversións para solucionar o saneamento da ría, competencia que sempre tivo a Xunta de Galicia e que na etapa pasada cando gobernaba o PSOE e o BNG non chegaron, e que na actual, que goberna o PP non sabemos se van chegar. E isto pensamos que lle preocupaba, xa que non fai moito tempo, houbo un movemento veciñal que esixia que non se lles cobrase por un servizo que non existe. A día de hoxe, seguimos igual que antes, pagando por unha depuradora que non funciona e á que moitos veciños seguen sen estar conectados.

Nota de prensa despois da reunión con Rafael Eimil, responsable de Costas

Reunión con Rafael Eimil, xefe da Demarcación de Costas do Estado en Galicia

Na mañá do pasado mércores 23 de setembro de 2009, varios membros do Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión mantiñan unha reunión co xefe da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, Rafael Eimil. Cómpre lembrar que se trata dun proxecto subvencionado por esta entidade e que o propio Eimil é un dos responsables do mesmo.

A conclusión fundamental que sacou o Colectivo vén a refrendar as verbas que o propio Eimil xa dixera no seu momento: "que non realizaría ningunha actuación que tivese a oposición do pobo". O xefe de Costas asegurou que "se a maioría do pobo de Corcubión está en contra, o proxecto non se levará a cabo". E precisamente, a xuntanza servíu para que o Colectivo demostrase a incertidume que vive o pobo corcubionés ante o chamado "Proxecto de rexeneración da praia de Corcubión". Os membros da plataforma achegaron máis de 600 sinaturas que dan boa conta do rexeitamento social que hai na vila corcubionesa.

Preguntado polo tema que máis preocupou ao Colectivo dende o primeiro momento, o saneamento da ría corcubionesa, Eimil asentiu a importancia desta obra, pero se desmarcou no sentido que esa actuación é competencia da Xunta de Galicia.

Con todo, o Colectivo mostrou a súa inquedanza pola perda dunha inversión tan importante para a vila (1,2 millóns de euros). Eimil concorda que sería unha magoa a perda de esa inversión para Corcubión, pero mostrou un compromiso de palabra, aberto a plasmalo en papel, de que, no caso de levarse acabo, Costas tomaría en consideración outros aspectos que non están claros no proxecto.

Un dos exemplos máis importantes é a afectación aos sectores económicos que viven da praia, como as mariscadoras de Corcubión e os mergulladores de Fisterra. Eimil comprometeuse a reunirse con eles e tomar as medidas necesarias antes de facer nada. Ademais comprometeuse a repasar certos puntos como o tubo de pluviais, que no proxecto está prantexado cun diámetro de 50 cm, 30 cm menos que no actual e que contaría co triple de cantidade de auga. Esta circunstancia xa fora denunciada no seu momento por un veciño da vila.

Preguntado tamén pola posibilidade de que Costas participase nunhas xornadas informativas organizadas polo concello ou polo Colectivo, Eimils asegurou que fará todo o necesario para que os técnicos de Costas estean presentes, poidan informar e ademais considerar os puntos menos claros do proxecto.

Antes de finalizar, Eimil repasou outras serie de inversións prantexadas para a vila corcubionesa, que aínda non teñen data de adxudicación. Afirmou que está pensada a unión do paseo marítimo entre Cee e Corcubión; e tamén apuntou a creación dun roteiro costeiro que una Fisterra e Corcubión.

miércoles, 16 de septiembre de 2009

Nota de prensa onde explicamos a última reunión con representantes do PP

De A entrada de Corcubión


Membros do Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión veñen de manter unha xuntanza co Partido Popular de Galicia. Acodiron á cita por parte de PP o voceiro do Mar do PPdG, José Manuel Balseiro Orol, a deputada autonómica Mª Soledad Piñeiro Martínez, Gema Freire, voceira local, e outros representantes do PP local. A reunión tivo lugar no Restaurante As Hortensias, en Corcubión.



O Colectivo expuso as razóns polas que non considera apropiado o proxecto de creación da praia artificial no centro da vila, pero quixo deixar claro que non quere que o investimento programado de 1,2 millóns de euros marchen do concello.

Unha das primeiras e máis importantes propostas que prantexa o colectivo é o Saneamento integral da ría, acorde co resto de concellos implicados. Tamén solicita o grupo o estudio conxunto do impacto ambiental dos proxectos que se van leva a cabo na ría. Neste sentido, os estudios ambientais do porto de Brens, a mariña seca, o porto deportivo de Corcubión-Cee e a rexeneración da praia de Corcubión non se teñen en conta os uns aos outros. A batería de razóns que prantexa o Colectivo (máis información en www.nonapraia.tk) foi exposta igualmente, como por exemplo os problemas cos postos de traballo das mariscadoras.



Os representantes do partido popular escoitaron atentamente ás explicacións do Colectivo pero tamén participaron con argumentos. Balseiro, logo de calificar o proxecto como "construción da praia artificial no malecón de Corcubión", indicou que "o PP vai manter o seu compromiso co mantemento dos nosos recursos". Así mostrou o seu interese en escoitar as inquedanzas do pobo de Corcubión. Coincide Balseiro co Colectivo en que o máis importante é o saneamento da ría, unha ría catalogada como "zona C".



A mesma Gema Freire sinalou que "o PP non está en contra da rexeneración de praias porque si", se non que neste proxecto en particular non está dacordo. De feito, lembrou o sentir do pleno de Corcubión, que a 12 de novembro de 2008 votou en contra do proxecto, con 4 votos a favor (os 4 concelleiros do PSOE) e 5 en contra (4 do BNG e 1 deo PP). Por esto mesmo, Gema preguntouse "Vai Costas facer un proxecto en contra do Pleno?", e dixo máis: "Coincidimos co Colectivo en que non cremos que Costas sexa capaz de estragar así máis de un millón de euros". E foi cando lembrou que foi o propio Rafael Eimil, de Costas, sinalara nunha reunión na vila de San Marcos que "Costas non faría nada que non queira o pobo de Corcubión".



Balseiro sinalou que "sabemos que a Conselleira de Mar tomará medidas sobre este asunto". Para finalizar, o voceiro de Mar do PP, Balseiro, afirmou que "imos levar a cabo unha iniciativa parlamentaria" con claro ánimo de "conseguir un acordo unánime dos grupos con representación parlamentaria para intentar a reconsideración do proxecto, ou cando menos, que se leve a cabo un informe ambiental máis exhaustivo", manifestou o voceiro.

martes, 15 de septiembre de 2009

O colectivo ecoloxista PX de Ponte do Porto expresa a súa opinión sobre a praia

De Marisqueo


Ante o proxecto de rexeneracion da praia de Corcubion, desde o PX queremos amosar o noso desacordo co mesmo e a nosa adhesion a plataforma de defensa da ria de Corcubion.

En xeral estamos en contra de todos os proxectos deste tipo, e este en concreto parecenos un gasto excesivo xa que en poucos anos nada quedará da praia.

Evidentemente non se trata dun enclave natural senon urbano, xa danado por outras circunstancias. O uso do sustrato de caolin en principio non é que supoña un grave deterioro ambiental nin ningunha aberración. Polo tanto podemos falar mais de despilfarro inutil que de delito ambiental.

Na área de Fornelos hay previsto facer un espigón, e outras infraestructuras. Na area urbana o impacto directo afectará sin duda a extraccion marisqueira, ainda que outro factores presentes e novas obras non auguran futuro a este punto.

En fin, dotar dunha boa praia urbana a vila non ten porque estar reñido co medio natural, nin tampouco o uso do material en principio vai ser unha alteracion grave, peor neste caso podian pensar na zona da Ribeira ou Quenxe, e non nun lugar onde nada vai quedar polas correntes internas da ria, futuras obras (porto, nautico) e o cambio climatrico que en trinta anos vai supor desaparicion de praias e paseos. ainda que agora o tomen a risa.

RAFAEL LEMA, SETEMBRO 2009

jueves, 10 de septiembre de 2009

A postura de Verdegaia e Ecoloxistas en Acción


Como nos explica un representante de Verdegaia, aló por maio elaboraron este manifesto en contra da actual política de rexeneración levada a cabo por A Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar.

Curioso que está Dirección Xeral, cun nome tan enganoso, destina o 60% do seu orzamento a proxectos de rexeneración de praias e contrución de paseos marítimos.



A psotura de Verdegaia nestes casos é moi clara. Opoñémonos a calquera "rexeneración" do tipo que semella que queren desenvolver en Corcubión. De feito, xa en maio deste ano elaboramos un posicionamento conxunto con Ecologistas en Acción:

Verdegaia e Ecologistas en Acción esíxenlle a Costas a paralización de rexeneración de praias.

A antropización da costa galega é a máxima responsable dos supostos “problemas” da perda de area das praias. Ante isto, as autoridades “competentes” soamente atopan unha solución: sacar a area doutros sitios (praias, area que está baixo a auga, canteiras…) para encher as praias que perden volume de area.

A grandísima maioría das praias que agora mesmo están “rexeneradas” ou cun proxecto futuro ou en execución de “rexeneración” en Galicia, perderon ese volume de area debido á ocupación con elementos artificiais que lle afectaron á retirada e á achega natural de sedimentos (portos deportivos, espigóns, paseos marítimos…).

Chega con botar unha ollada en calquera sistema de fotos por satélite para decatarse do problema. Convidamos a todo mundo a miralo: Foz, Moaña, Vilagarcía de Arousa, Nigrán (sobradamente coñecido polos escándalos urbanísticos), Baiona, Corcubión, Muros, Malpica, Rianxo, A Coruña, Oleiros, Cedeira, Boiro… sen esquecer, por suposto, que xa hai moitos anos que na praia de Silgar, en Sanxenxo (tamén sobradamente coñecido polas anulacións dos seus PXOM´s sistemáticas e os xuízos anuais polo mesmo motivo) botan anualmente camións de area procedentes doutros lugares, especialmente a partir da ampliación do porto deportivo, que lle afectou gravemente á achega de sedimentos.

Non é preciso ser un/unha experto/a para saber que todas estas zonas soportan unha ocupación humana excesiva e que a construción de casas, portos deportivos, paseos marítimos, etc., superou hai moito tempo o límite da sostibilidade e do equilibrio ecolóxico da zona.

Resulta curioso, por outra banda, ver o nome destes proxectos (rexeneración) e que non se analizan en ningún momento as causas do “problema”. Se segundo as autoridades o problema é que as praias perden area, o que afectará ao turismo da zona (excusa principal para facer estas rexeneracións artificiais), Verdegaia e Ecologistas en Acción saben que o problema é precisamente a ocupación humana, sobre todo enfocada a ese turismo insostible que crea a perda de area por limitar as correntes mariñas naturais que achegan e retiran sedimentos, ademais de provocar outros problemas ambientais respecto á fauna e á flora dos areais, aumento de residuos, etc. Isto quere dicir que a rexeneración artificial é precisamente un parche do problema real: insostibilidade, ocupación de zonas areosas e limitación de correntes naturais.

Se todo isto é evidente e non soluciona ningún problema, máis escandaloso aínda resulta ver polo miúdo o que se quere facer nalgúns proxectos.

Foz: Aquí o proxecto di que se se achegará un volume de area de 31.095,34 metros cúbicos á praia. Iso si, logo farase un talude e un retranqueo que farán retirar 70.000 metros cúbicos de terras e, por suposto, farán un paseo peonil de 900 metros.

Moaña: Aquí, ante todo, di o proxecto que hai que retirar o campo de fútbol (que está na praia), un vial rodado de acceso ó porto, que tamén está sobre a praia… e, por suposto, rehabilitar a praia. É dicir, primeiro construíron todo enriba da praia.

Dragado da canle do ferry internacional A Guarda: Aquí queren retirar 70.000 metros cúbicos de area para deixar calado para o ferry, que irán precisamente para as praias de Vilagarcía de Arousa, Nigrán, Baiona, etc.

Cedeira: Este proxecto consiste en extraer 351.220 metros cúbicos de area da enseada do Esteiro e poñelos na praia da Magdalena. Isto é, desvestir un santo para vestir outro.

Corcubión: Neste proxecto queren usar area extraída de canteira, iso si, acompañado de prolongar o espigón.

Muros, praia do Castelo: Esta praia, definida como “deficitaria en area” segundo o proxecto, rexenerarase para a “afluencia de bañistas en época estival” e tamén irá acompañada da construción dun paseo peonil entre a zona portuaria de Muros e Louro, nun tramo de costa de “inmejorables vistas sobre la ría” e da mellora de accesos ó litoral para permitir “un disfrute del entorno por los ciudadanos acorde con las notables características medioambientales y paisajísticas de la zona, para lo cual se procurará emplear materiales nobles como es el caso de la piedra, atendiendo también a la proximidad del casco histórico de la villa de Muros, cuyas calles están pavimentadas con piedra de granito.”. Desde logo, non van solucionar o problema da area en absoluto, senón agravalo con máis ocupación humana, pero iso si, parece que vai quedar moi ben o granito da vila coa pedra que poñan na praia.

Rianxo: Este proxecto consiste en engadir area de extracción mariña ou de canteira e facer obras de contención, como espigóns de madeira (é dicir, intentar que a area non se mova de alí).

Boiro: Aumento da praia seca con 322.066 metros cúbicos de area de canteira e dragar e estender 10.000 metros cúbicos de area “da propia praia” para a rexeneración dos bancos marisqueiros cando rematen as obras. Isto é, primeiro botamos area á praia, porque non ten e logo volvémola sacar para “rexenerar” bancos marisqueiros, que antes estragamos coas obras.

Como se pode apreciar, todos estes proxectos non son outra cousa que un despropósito e a continuación de actuacións insostibles e incoherentes co que se supón que queren conseguir.

Xa que a Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar semella esquecer certos datos importantes, vémonos na obriga de lembrarllos:

1. Existe un Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático na costa, que esixe cartografiar e desocupar as zonas máis sensibles a transformarse ou desaparecer pola subida prevista do nivel medio do mar.
2. O artigo 44.2 da Lei de Costas di: Deberán prever a adaptación das obras á redonda na que se atopen e, se é o caso, a influencia da obra sobre a costa e os posibles efectos de regresión desta.
3. O artigo 44.4 da Lei de Costas di: Para a creación e rexeneración de praias deberase considerar prioritariamente a actuación sobre os terreos lindantes, a supresión ou atenuación das barreiras ao transporte marítimo de áridos, a achega artificial destes, as obras somerxidas no mar e calquera outra actuación que supoña a menor agresión á redonda natural.
4. A Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar inviste máis do 60% do seu orzamento en rexeneración de praias e habilitación de paseos marítimos, é dicir, subvenciona o negocio dunhas poucas persoas e empresas e leva a poboación costeira ao temporalismo laboral e, nos últimos tempos, ao paro.
5. Moi recentemente, o Goberno central anulou a prohibición da venda de casas situadas na costa e que tiñan soamente o dereito de goce como vivenda durante unha serie de anos.
6. O último Goberno galego (PSOE e BNG) lexislou unha distancia mínima de 500 metros ata o mar (distancia maior que a contemplada na Lei de Costas), pero que non fixo cumprir en absoluto. De feito, foi o primeiro que a incumpriu (a bautizada como Villa PSOE na Illa de Arousa é o mellor exemplo).

Por todo isto, a Verdegaia e a Ecologistas en Acción soamente nos queda solicitarlle a esta dirección xeral a suspensión de todos os fondos para a rexeneración de praias e instala a cumprir a Lei de Costas e a desenvolver a Estratexia de Sostibilidade da Costa e o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático na costa, para solucionar verdadeiramente os seus problemas.


Así que contade connosco, malia que non temos ningunha delegación activa na zona.
Unha aperta