sábado, 26 de septiembre de 2009

O COLECTIVO EN DEFENSA DA RIA DE CORCUBIÓN RESPONDE ÁS ACUSACIÓNS DO SR. LEMA.

O alcalde de Corcubión acusa a este colectivo de mentir e falsear todo aquelo que non favorece as nosas teses, logo da reunión mantida co xefe da Demarcación de Costas, D.Rafael Eimil. Calquera das cousas manifestadas na nota de prensa na que informamos desa reunión será inmediatamente explicada se o Sr. Eimil nos di en que punto non fomos veraces.

Iso si, deberá ser o Sr. Eimil quen no-lo indique e non un ausente da reunión como o Sr. Lema que pretende falar en nome de aquel. A Don Rafael Eimil díxoselle o que ía sair na nota de prensa e o dito non varía un ápice do que nela apareceu. Invitouselle ao Sr. Eimil a que se atopaba algo na nota de prensa que non se cingise á realidade non dubidase en poñerse en contacto con nós para clarexar calquer dúbida. Contacto que non existe ata o momento.

Nesa reunión o Sr. Eimil manifestou que “evidentemente, se a maioría do pobo non a quere, non se fará” en alusión á praia artificial.

Sobre as 600 sinaturas presentadas, manifestouse que non todas elas eran de habitantes da vila. Preguntouse a turistas, xa que a actuación está encamiñada a captar este “público” e aos veciños de Cee, xa que esta obra cambiará as correntes dunha ría na que as augas tamén bañan o seu pobo. A petición de sinaturas en Cee fíxose nunha mañá.

Se temos en conta que dende o Colectivo loitamos por unha ría saneada, iso nos importa a todos os que habitamos ao carón desta ría. Sorprende que segundo o alcalde non merece a pena saber a opinión nin do pobo veciño, nin dos turistas nin daqueles que sabe que son contarios ao proxecto. É dicir, só conta a opinión dos que pensan como él.

Coa recollida de sinaturas conseguimos coñecer se había oposición ao proxecto, cal era a súa magnitude e informar aos veciños, unha función ésta na que tivemos que facer o traballo que correspondería a unhas autoridades que xestionaron este proxecto de xeito case clandestino e escuro.

Hai que destacar que o Sr.Lema manifesta que temos máis de 600 sinaturas “sobre 1864 habitantes”, desprezando así aos que teñen asinado, algúns deles votantes seus. Pero causa estupor facer cálculos así de simples e sen matices, xa que cabe lembrar que o Sr. Lema é alcalde co apoio de 559 sobre eses 1864 veciños posibles, 12 persoas máis que a seguinte forza e polo tanto o partido máis votado e razón pola que é alcalde.

Dende o Colectivo sempre manifestamos que se a maioría do veciños desexaba este proxecto, nos sí respetaríamos a vontade popular. Por iso, para coñecer a súa opinión nada mellor ca un referendo onde se poida expresar libremente a opinión. Libremente, en segredo e sen coaccións. Pregunta o alcalde que “cal sería a porcentaxe válida nesa consulta”. Pois a que a lóxica e as regras democráticas indican: cálculo sobre o total dos que participaran e maioría sobre ese total. Así de simple.

Sabemos que a postura do alcade é a mesma ca da Demarcación de Costas, sabemos que os datos do estudo de impacto ambiental, a granulometría e outros datos técnicos figuran no informe. A nosa postura ante isto foi sempre a mesma, a de considerar que o estudo non é completo e que non considera certos factores fundamentais que foron analizados por parte de xente co perfil técnico axeitado para facer estes análises. E con todo isto informamos á xente e invitamos a que dende Costas se enviase a un técnico para clarexar eses puntos, o Sr. Eimil manifestou que se o Concello fai un acto informativo porá á súa disposición ese técnico.

O problema de todo isto é que o proxecto é como é e non caben adopcións parciais do mesmo, ou esto ou nada, xa que calquer modificación sustancial do mesmo esixe facer de novo todo o proceso. Ante isto, sen ter un compromiso claro por parte do Sr. Eimil, non se pecharon as portas a que se non saise adiante non se poidese facer algo no futuro.

Gustaríanos que en vindeiras ocasións se nos tratase tal e como estamos a tratar nos aos nosos interlocutores. Tivemos a man tendida dende o comenzo para apoiar ao alcalde na procura de investimentos que melloren o sanemento e centramos o debate en argumentos, mantemos reunións abertas semanalmente, etc. Por iso non é de recibo que se nos responda con falsas acusacións e simplezas coma presuntas vinculacións políticas, fuxindo así do debate de fondo. Estamos agardando a que alguén desminta punto por punto os motivos polos que NON queremos esa praia artificial.

Como ben lle dixemos na reunión que tivemos con Chisco, dende o Colectivo apoiaremos calquer acción que se leve a cabo pola súa parte para que se fagan inversións para solucionar o saneamento da ría, competencia que sempre tivo a Xunta de Galicia e que na etapa pasada cando gobernaba o PSOE e o BNG non chegaron, e que na actual, que goberna o PP non sabemos se van chegar. E isto pensamos que lle preocupaba, xa que non fai moito tempo, houbo un movemento veciñal que esixia que non se lles cobrase por un servizo que non existe. A día de hoxe, seguimos igual que antes, pagando por unha depuradora que non funciona e á que moitos veciños seguen sen estar conectados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario