jueves, 10 de septiembre de 2009

A postura de Verdegaia e Ecoloxistas en Acción


Como nos explica un representante de Verdegaia, aló por maio elaboraron este manifesto en contra da actual política de rexeneración levada a cabo por A Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar.

Curioso que está Dirección Xeral, cun nome tan enganoso, destina o 60% do seu orzamento a proxectos de rexeneración de praias e contrución de paseos marítimos.



A psotura de Verdegaia nestes casos é moi clara. Opoñémonos a calquera "rexeneración" do tipo que semella que queren desenvolver en Corcubión. De feito, xa en maio deste ano elaboramos un posicionamento conxunto con Ecologistas en Acción:

Verdegaia e Ecologistas en Acción esíxenlle a Costas a paralización de rexeneración de praias.

A antropización da costa galega é a máxima responsable dos supostos “problemas” da perda de area das praias. Ante isto, as autoridades “competentes” soamente atopan unha solución: sacar a area doutros sitios (praias, area que está baixo a auga, canteiras…) para encher as praias que perden volume de area.

A grandísima maioría das praias que agora mesmo están “rexeneradas” ou cun proxecto futuro ou en execución de “rexeneración” en Galicia, perderon ese volume de area debido á ocupación con elementos artificiais que lle afectaron á retirada e á achega natural de sedimentos (portos deportivos, espigóns, paseos marítimos…).

Chega con botar unha ollada en calquera sistema de fotos por satélite para decatarse do problema. Convidamos a todo mundo a miralo: Foz, Moaña, Vilagarcía de Arousa, Nigrán (sobradamente coñecido polos escándalos urbanísticos), Baiona, Corcubión, Muros, Malpica, Rianxo, A Coruña, Oleiros, Cedeira, Boiro… sen esquecer, por suposto, que xa hai moitos anos que na praia de Silgar, en Sanxenxo (tamén sobradamente coñecido polas anulacións dos seus PXOM´s sistemáticas e os xuízos anuais polo mesmo motivo) botan anualmente camións de area procedentes doutros lugares, especialmente a partir da ampliación do porto deportivo, que lle afectou gravemente á achega de sedimentos.

Non é preciso ser un/unha experto/a para saber que todas estas zonas soportan unha ocupación humana excesiva e que a construción de casas, portos deportivos, paseos marítimos, etc., superou hai moito tempo o límite da sostibilidade e do equilibrio ecolóxico da zona.

Resulta curioso, por outra banda, ver o nome destes proxectos (rexeneración) e que non se analizan en ningún momento as causas do “problema”. Se segundo as autoridades o problema é que as praias perden area, o que afectará ao turismo da zona (excusa principal para facer estas rexeneracións artificiais), Verdegaia e Ecologistas en Acción saben que o problema é precisamente a ocupación humana, sobre todo enfocada a ese turismo insostible que crea a perda de area por limitar as correntes mariñas naturais que achegan e retiran sedimentos, ademais de provocar outros problemas ambientais respecto á fauna e á flora dos areais, aumento de residuos, etc. Isto quere dicir que a rexeneración artificial é precisamente un parche do problema real: insostibilidade, ocupación de zonas areosas e limitación de correntes naturais.

Se todo isto é evidente e non soluciona ningún problema, máis escandaloso aínda resulta ver polo miúdo o que se quere facer nalgúns proxectos.

Foz: Aquí o proxecto di que se se achegará un volume de area de 31.095,34 metros cúbicos á praia. Iso si, logo farase un talude e un retranqueo que farán retirar 70.000 metros cúbicos de terras e, por suposto, farán un paseo peonil de 900 metros.

Moaña: Aquí, ante todo, di o proxecto que hai que retirar o campo de fútbol (que está na praia), un vial rodado de acceso ó porto, que tamén está sobre a praia… e, por suposto, rehabilitar a praia. É dicir, primeiro construíron todo enriba da praia.

Dragado da canle do ferry internacional A Guarda: Aquí queren retirar 70.000 metros cúbicos de area para deixar calado para o ferry, que irán precisamente para as praias de Vilagarcía de Arousa, Nigrán, Baiona, etc.

Cedeira: Este proxecto consiste en extraer 351.220 metros cúbicos de area da enseada do Esteiro e poñelos na praia da Magdalena. Isto é, desvestir un santo para vestir outro.

Corcubión: Neste proxecto queren usar area extraída de canteira, iso si, acompañado de prolongar o espigón.

Muros, praia do Castelo: Esta praia, definida como “deficitaria en area” segundo o proxecto, rexenerarase para a “afluencia de bañistas en época estival” e tamén irá acompañada da construción dun paseo peonil entre a zona portuaria de Muros e Louro, nun tramo de costa de “inmejorables vistas sobre la ría” e da mellora de accesos ó litoral para permitir “un disfrute del entorno por los ciudadanos acorde con las notables características medioambientales y paisajísticas de la zona, para lo cual se procurará emplear materiales nobles como es el caso de la piedra, atendiendo también a la proximidad del casco histórico de la villa de Muros, cuyas calles están pavimentadas con piedra de granito.”. Desde logo, non van solucionar o problema da area en absoluto, senón agravalo con máis ocupación humana, pero iso si, parece que vai quedar moi ben o granito da vila coa pedra que poñan na praia.

Rianxo: Este proxecto consiste en engadir area de extracción mariña ou de canteira e facer obras de contención, como espigóns de madeira (é dicir, intentar que a area non se mova de alí).

Boiro: Aumento da praia seca con 322.066 metros cúbicos de area de canteira e dragar e estender 10.000 metros cúbicos de area “da propia praia” para a rexeneración dos bancos marisqueiros cando rematen as obras. Isto é, primeiro botamos area á praia, porque non ten e logo volvémola sacar para “rexenerar” bancos marisqueiros, que antes estragamos coas obras.

Como se pode apreciar, todos estes proxectos non son outra cousa que un despropósito e a continuación de actuacións insostibles e incoherentes co que se supón que queren conseguir.

Xa que a Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar semella esquecer certos datos importantes, vémonos na obriga de lembrarllos:

1. Existe un Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático na costa, que esixe cartografiar e desocupar as zonas máis sensibles a transformarse ou desaparecer pola subida prevista do nivel medio do mar.
2. O artigo 44.2 da Lei de Costas di: Deberán prever a adaptación das obras á redonda na que se atopen e, se é o caso, a influencia da obra sobre a costa e os posibles efectos de regresión desta.
3. O artigo 44.4 da Lei de Costas di: Para a creación e rexeneración de praias deberase considerar prioritariamente a actuación sobre os terreos lindantes, a supresión ou atenuación das barreiras ao transporte marítimo de áridos, a achega artificial destes, as obras somerxidas no mar e calquera outra actuación que supoña a menor agresión á redonda natural.
4. A Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar inviste máis do 60% do seu orzamento en rexeneración de praias e habilitación de paseos marítimos, é dicir, subvenciona o negocio dunhas poucas persoas e empresas e leva a poboación costeira ao temporalismo laboral e, nos últimos tempos, ao paro.
5. Moi recentemente, o Goberno central anulou a prohibición da venda de casas situadas na costa e que tiñan soamente o dereito de goce como vivenda durante unha serie de anos.
6. O último Goberno galego (PSOE e BNG) lexislou unha distancia mínima de 500 metros ata o mar (distancia maior que a contemplada na Lei de Costas), pero que non fixo cumprir en absoluto. De feito, foi o primeiro que a incumpriu (a bautizada como Villa PSOE na Illa de Arousa é o mellor exemplo).

Por todo isto, a Verdegaia e a Ecologistas en Acción soamente nos queda solicitarlle a esta dirección xeral a suspensión de todos os fondos para a rexeneración de praias e instala a cumprir a Lei de Costas e a desenvolver a Estratexia de Sostibilidade da Costa e o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático na costa, para solucionar verdadeiramente os seus problemas.


Así que contade connosco, malia que non temos ningunha delegación activa na zona.
Unha aperta

No hay comentarios:

Publicar un comentario