sábado, 26 de septiembre de 2009

Nota de prensa despois da reunión con Rafael Eimil, responsable de Costas

Reunión con Rafael Eimil, xefe da Demarcación de Costas do Estado en Galicia

Na mañá do pasado mércores 23 de setembro de 2009, varios membros do Colectivo en Defensa da Ría de Corcubión mantiñan unha reunión co xefe da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, Rafael Eimil. Cómpre lembrar que se trata dun proxecto subvencionado por esta entidade e que o propio Eimil é un dos responsables do mesmo.

A conclusión fundamental que sacou o Colectivo vén a refrendar as verbas que o propio Eimil xa dixera no seu momento: "que non realizaría ningunha actuación que tivese a oposición do pobo". O xefe de Costas asegurou que "se a maioría do pobo de Corcubión está en contra, o proxecto non se levará a cabo". E precisamente, a xuntanza servíu para que o Colectivo demostrase a incertidume que vive o pobo corcubionés ante o chamado "Proxecto de rexeneración da praia de Corcubión". Os membros da plataforma achegaron máis de 600 sinaturas que dan boa conta do rexeitamento social que hai na vila corcubionesa.

Preguntado polo tema que máis preocupou ao Colectivo dende o primeiro momento, o saneamento da ría corcubionesa, Eimil asentiu a importancia desta obra, pero se desmarcou no sentido que esa actuación é competencia da Xunta de Galicia.

Con todo, o Colectivo mostrou a súa inquedanza pola perda dunha inversión tan importante para a vila (1,2 millóns de euros). Eimil concorda que sería unha magoa a perda de esa inversión para Corcubión, pero mostrou un compromiso de palabra, aberto a plasmalo en papel, de que, no caso de levarse acabo, Costas tomaría en consideración outros aspectos que non están claros no proxecto.

Un dos exemplos máis importantes é a afectación aos sectores económicos que viven da praia, como as mariscadoras de Corcubión e os mergulladores de Fisterra. Eimil comprometeuse a reunirse con eles e tomar as medidas necesarias antes de facer nada. Ademais comprometeuse a repasar certos puntos como o tubo de pluviais, que no proxecto está prantexado cun diámetro de 50 cm, 30 cm menos que no actual e que contaría co triple de cantidade de auga. Esta circunstancia xa fora denunciada no seu momento por un veciño da vila.

Preguntado tamén pola posibilidade de que Costas participase nunhas xornadas informativas organizadas polo concello ou polo Colectivo, Eimils asegurou que fará todo o necesario para que os técnicos de Costas estean presentes, poidan informar e ademais considerar os puntos menos claros do proxecto.

Antes de finalizar, Eimil repasou outras serie de inversións prantexadas para a vila corcubionesa, que aínda non teñen data de adxudicación. Afirmou que está pensada a unión do paseo marítimo entre Cee e Corcubión; e tamén apuntou a creación dun roteiro costeiro que una Fisterra e Corcubión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario